Enreda, educación transformadora para a ecocidadanía global e a agroecoloxía escolar polo dereito á alimentación e o ODS 2 Fame Cero
Duración
Año de inicio
Importe
Referencia
Sectores
Enreda: novo programa de hortas escolares para a ecocidadanía global e o dereito á alimentación
«Enreda, educación transformadora para a ecocidadanía global e a agroecoloxía escolar polo dereito á alimentación e o ODS 2 Fame Cero»
Despois de varios anos co apoio da Cooperación Galega da Xunta de Galicia ao proxecto Fame Cero de hortas escolares en centros educativos galegos, en 2026 damos un paso máis. Por primeira vez presentamos a nosa proposta á convocatoria de programas de educación transformadora, e foi aprobada cunha financiación de 90.000 euros. Este apoio garante a intervención durante os cursos 2026/27 e 2027/28.
O novo programa trae importantes novidades e desafíos que afianzan e melloran o traballo nas hortas e nos centros participantes. O primeiro é reforzar a autonomía do profesorado e dos centros na xestión produtiva e pedagóxica das hortas ecodidácticas. Para iso, porase en marcha un itinerario de formación e acompañamento que, entre outros obxectivos, favorecerá a integración da horta nas programacións didácticas das materias curriculares e nos Proxectos Educativos de Centro (PEC).
Ademais, impulsarase de xeito activo e participativo a implicación das familias no proxecto da horta escolar, e tenderanse pontes coas comunidades e contornas locais.
Un dos eixos centrais será a consolidación da “Rede ENREDA de centros escolares polo dereito á “ de Manos Unidas. O obxectivo é afianzar o modelo das hortas ecodidácticas como proxecto de referencia en agroecoloxía escolar e ecocidadanía global, que se poida replicar noutros contextos. A rede nútrese do contacto e do intercambio de experiencias entre os centros participantes. A riqueza e a singularidade destes centros son o principal valor da intervención. Para fortalecer a rede e promover a súa replicabilidade e o seu recoñecemento académico e institucional, o programa apostará por tres vías: os encontros entre centros, a relación con experiencias de agroecoloxía escolar en países do Sur Global e a consolidación dun regulamento propio, autoxestionado polos propios centros.
Nesta liña, un ano máis contamos coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, que participa no programa en agrupación con Manos Unidas a través do Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental SEPA-Interea. A súa implicación achega moito ao proxecto: a elaboración dunha guía metodolóxica do modelo ENREDA, a publicación de artigos académicos e a súa presentación en congresos e xornadas especializadas, e a formación do profesorado para integrar as hortas ecodidácticas no currículo.
Por último, o programa aspira a acadar o recoñecemento institucional do modelo ENREDA como referente metodolóxico e experiencia de educación transformadora. Con este fin, levarase a cabo un traballo de incidencia cos organismos educativos de referencia en Galicia.
Síguenos en redes e descubre todas as novidades do programa Enreda: https://www.instagram.com/famecero_manosunidas/